Comparte en tus Redes Sociales!

O IV Maxistral Xiria Carballo concluíu cunha emocionante loita polo título que se decidiu por desempate. O Mestre FIDE (MF) Xulio del Prado proclamouse campión tras sumar 6 puntos de 9 posibles —empatando co MF Diego Cacheiro—, pero asegurando a vitoria grazas a unha mellor puntuación de desempate. Ambos os xogadores lograron unha norma de Mestre Internacional (MI); para Xulio foi a terceira, aínda que non acada o título, xa que debe obter unha norma nun torneo aberto onde a media de Elo dos 40 mellores xogadores sexa de 2000 ou superior. Para Diego foi a segunda norma, polo que queda a unha soa de acadar o título de MI; ambos posúen o nivel de xogo e o Elo necesarios para conseguilo en breve.

O torneo, celebrado do 16 ao 21 de agosto en Carballo, contou coa participación de dez xogadores nun formato de liga a unha volta. A competición tivo un nivel moi alto e foi válida para acadar unha norma de Mestre Internacional, fixada en 6 puntos.

A clasificación final foi a seguinte:

  1. MF Xulio del Prado – 6 puntos
  2. MF Diego Cacheiro – 6 puntos
  3. GM Karen Movsziszian – 5 puntos
  4. MF Pedro Silva – 4,5 puntos
  5. GM Vladimir Petkov – 4,5 puntos
  6. GM Aleksa Strikovic – 4,5 puntos
  7. CM Iago Fernández – 4 puntos
  8. MF Marcos Morales – 4 puntos
  9. CM Eduardo Cabañas – 4 puntos
  10. MF José Sande – 2,5 puntos.

A competición foi organizada polo Club de Xadrez O Toque Xiria Carballo, co patrocinio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Carballo. Tamén colaboraron a Pensión Rama e A’Xamonería.

O IV Maxistral volveu situar a Carballo no corazón do xadrez galego, cun torneo de alto nivel que reuniu a grandes mestres e mestres titulados de Armenia, Bulgaria, Cuba, Portugal, Serbia e España, tamén houbo actividades paralelas coma simultaneas, cursos de xadrez e pezas e taboleiro xigantes.

A cerimonia de clausura contou coa presenza do deputado de Deportes da Deputación da Coruña D.Antonio Leira e do alcalde de Carballo D. Daniel Pérez, e o deputado de Turismo e vicepresidente da Deputación, que tamén exerce como concelleiro de Turismo de Carballo, D. Xosé Regueira. 

¡Envío GRATIS!

Para pedidos superiores a 100€

WhatsApp chat